NOTICIAS ANDURIÑA

Novedades educativas de la escuela

Domingo Docampo Amoedo

06/11/2014

imagen artículo

Doutor en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, Catedrático da Universidade de Vigo no Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Foi Reitor da Universidade de Vigo dende 1998 ata 2005. Foi Profesor Visitante na EECE Departament da Universidade de Nuevo México. Foi Presidente da Fundación Empresa-Universidad de Galicia (FEUGA), en 1998 foi nomeado Socio de Honor da Asociación Galega de Enxeñeiros de Telecomunicacións e Profesor Emérito da Universidade Tecnolóxica Equinocial de Quito,Ecuador no 2000. No ano 2001 foi nomeado Secretario da Subcomisión de Ensinanzas Técnicas do Consello de Universidades e foi presidente da Comisión de I+D da CRUE.

 

 

O seu departamento a que se dedica?

 O meu departamento é grande e chámase Teoría do sinal e as comunicacións. É un departamento no que hai moitisima xente que se adica á comunicación. Digamos que na telecomunicación hai coma tres grandes ámbitos; un, que se chama a electrónica, que é a parte máis física; a telemática, que ten que ver co que vós chamariades as redes desde o punto de vista de internet; e finalmente a máis ampla, que ten que ver cos sistemas de comunicación (vía satélite, por radiodifusión…) e detrás diso está a formalización matemática que é como se modela o sinal que estás enviando. Nós facemos procesado de voz, de imaxes, facemos algoritmos matemáticos para sermos  quen de comprimir a información, facemos algoritmos para recoñecemento de voz, facemos tamén biometría (recoñecemento de xestos, cara…).

Sempre estivo no mesmo departamento?      

Non, eu comecei en Vigo no ano 1978 e era profesor de matemáticas para biólogos. Logo profesor de matemáticas e bioestatística para químicos, en algo que se chamaba o Colexio Universitario que funcionou desde o ano 1973 ata o 1989.

Colaborou en proxectos con outras universidades?

Si, fixemos proxectos de investigación, proxectos de traballo con empresas, proxectos de cooperación con universidades do terceiro mundo e estamos levando a cabo un proxecto con universidades de Mozambique, de San Tomé e Príncipe e de Cabo Verde. Fixemos un proxecto hai moitos anos con universidades de Norteamérica e de Latinoamérica e a miña experiencia nese sentido internacional é moi ampla.

 ¿Que é e que fai a FEUGA?

 A FEUGA é unha fundación que se chama Fundación Empresa Universidade de Galicia que se adica a intermediar entre os departamentos universitarios e as empresas. Que significa isto? Unha empresa pode querer facer un traballo que require algunha investigación e non ten xente preparada para iso. Entón encárgarlle á universidade que faga unha parte de investigación previa para que eles despois desenvolvan o seu produto. Entón aí está a FEUGA, a fundación, que fai un contrato coa empresa e a universidade e xestina o contrato.

 Ademais de na Universidade de Vigo traballou vostede noutro sitio 

 Ao terminar a carreira traballei na Universidade de Compostela. Foime ben e non tiven a necesidade de buscar un emprego alternativo. Unha vez que te instalas no mundo académico, gústache porque tes tempo libre para dedicarte ás cousas que queres facer, pero se boto a conta das horas que traballei no meu tempo libre os anos que fun profesor son moitas máis que as que fixen no calendario laboral. E cando falo de tempo libre, refírome a tempo no que me podo adicar á investigación unha vez que cumpro coas miñas obrigas de clases e que traballando noutra cousa non podería facer . Entón a tentación de marchar é escasa aínda que o salario non sexa como para botar foguetes con respecto a outros compañeiros que, se cadra , foron traballar á industria e gañan máis; pero a min iso non me preocupa.

 

 Un estuda por vocación, porque descobre a certa idade que hai algo que lle gusta . Despois, no meu caso, déuseme bastante ben, atopábame feliz cando era capaz de demostrar algo pola miña conta e non soamente seguindo o libro e pensei que aí había un asunto que me interesaba. No curso preuniversitario , que equivale ao actual Bacharelato, foi onde descubrín que claramente eu tíña que adicarme ás matemáticas porque vin que era no que me atopaba máis a gusto. Logo, ademais, presenteime a un concurso que se chamaba Olimpíada Matemática, saíume ben e déronme unha bolsa de estudos, co cal xa todo estaba decidido.

 Sempre quixo estudar matemáticas?

 Practicamente dende que tiña 12 ou 13 anos non tiña ningunha dúbida. O que non sabía era se ía estudar na universidade porque o número de estudantes en Galicia non pasaba de 10.000 (logo chegou a ser de 100.000 e agora está sobre os 65.000), quero dicir que por aquela época ía moita menos xente á universidade. Cando fixen o curso preuniversitario e a Olimpíada Matemática foime máis doado facer a carreira porque, como xa vos dixen, déronme unha bolsa.

 Que rama das matemáticas lle gusta máis e por que?

 A rama máis bonita das matemáticas é a Topoloxía con grande diferenza porque é a única que se visualiza con moita claridade. Tamén me gustou outra cousa que ten moita aplicación hoxe en día nas redes de computación que se chama a Teoría de Grafos.

 Se non fixese matemáticas que outra disciplina lle gustaría facer?

 Ciencias e Filosofía, porque para min é o que máis se parece ao campo das matemáticas.

 Vostede pensa que as matemáticas son moi difíciles?

 Non nos imos enganar, as matemáticas requiren certo adestramento mental e un poquiño de talento. É moi difícil que a persoa que non ten ese mínimo de talento chegue a dominalas. Se non tes suficiente talento as matemáticas vante dominar a ti.

Que as matemáticas sexan difíciles ou non tamén depende de atopar no momento oportuno a ese profesor adecuado que che ensinou a pensar por ti mesmo. O problema das matemáticas, ao meu xuízo, é que moitas veces ensínanse como algo que vén de arriba abaixo e que che cae do ceo. Isto é así, demóstrase e faise. Todo son receitas e entón non ves que ti poderías quitar esas pólas e empezar a ver de verdade todo o bosque e empezar ti a facer matemáticas. Ese paso require un poquiño de talento e moito traballo, pero é moi gratificante despois cando un comeza a moverse neste mundo.

  Que nos diría a nós para animarnos a estudar matemáticas?

 Eu non veño aquí a motivar a ninguén a estudar matemáticas. Eu non quero facer propaganda da miña carreira, creo que ó que vos animaría é a facer aquilo que vos guste. Medide ben as vosas capacidades. Se vos ídes adicar a facer algo que teña gran dificultade, sabede que teredes que traballar duro. Pero eu dígovos que sigades  sempre o voso rumbo.

Segundo o informe Pisa a educación en España ocupa os últimos postos, pero hai algúns países que buscan universitarios españois para as súas empresas, que explicación dá para iso?

 O informe Pisa non é máis que un indicador. España non está nos últimos postos, está no centro, onde están todos. Está nun grupo moi numeroso en que estadísticamente apenas se distinguen uns  dos outros.

Por último, que reforma faría na universidade e como valora a reforma educativa?

 Eu prefiro quedarme no mundo das visións, e non tanto no das reformas, porque España é un país de leis e cren que todo o arranxan con leis e non vai así a cousa, non vai de leis. Eu canseime de ver as reformas e agora xa non leo a do ministro Wert. Non a lin, non sei nin de que vai, xa me cansei de que pensen que a universidade ou o mundo educativo cámbianse con leis. E non se cambian con leis, é ao contrario. Deberían empezar a quitar lexislación, a lexislar canto menos mellor e a dar máis capacidade ás universidades. As universidades deben ter un marco de traballo con menos regulamentos, menos ataduras, onde o mundo da sabedoría, da ciencia flúa con máis liberdade.

 

 

 

 

 

Entrevistadores: Elizabeth Caamaño, Esther Fernández Román e Daniel Justo (4ºESO)

Transcriptores: Alberto Rodríguez, Gema Lago (4º ESO)

Cámara: David Gil (4º ESO)

Coordinadores: Juan Carlos Figueira, Carmen Trigueros.

Traducción: Susana Estévez